Vídeo-Libros

Pretendendo "ensinar a aprender", elaborouse este vídeo-libro, co fin de que constitúa unha ferramenta de traballo útil, eficaz e atractiva tanto para profesores coma para alumnos. O vídeo proporciona unha visión rápida das adaptacións que fixeron posible a conquista da terra polos vexetais. O libro pretende axudarlle ó alumno a construir o seu coñecemento empregando fundamentalmente o método científico. O obxectivo, en definitiva, é que o alumno se relacione con gusto coas Ciencias Naturais.


É un vídeo-libro especialmente indicado para mestres e educadores en xeral, pero tamén para todas as persoas preocupadas polo proceso educativo. A expresión é un gran camiño. Hai que deixarse impresionar polo mundo que nos rodea e expresalo. Sacar de dentro do neno e do adolescente o don da imaxinación, da creatividade, da espontaneidade, da improvisación, debe ser cometido primordial de todo educador. A esto tenta axudar esta publicación: A conseguir que a Expresión siga a ser o mecanismo que nos devolve á nosa condición solidaria co mundo.


Ó longo do vídeo tentamos presentar non só o río como feito físico, ou sexa, como unha corrente de auga que flúe por mor da gravedade dende unha parte alta a outra baixa, senón como un elemento que configura, enmarca e engarza paisaxes diferentes, como un eixo ó redor do que viven e constrúen un espazo os diferentes grupos sociais.


Analisar dun xeito global as paisaxes da montaña en Galicia non é fácil. E iso por varias razóns. En primeiro lugar porque en Galicia as áreas consideradas popularmente como montaña son moitas; poderíamos dicir que toda a Galicia interior, por riba dos 400 / 500 metros, estaría dentro dela. En segundo lugar, e aínda que restrinxamos a montaña a sectores que superen os 700 / 800 m. ou mesmo 1.000, o territorio é moi extenso. Por iso decidimos centrar a nosa análise nas serras orientais luguesas, fundamentalmente nos Ancares e no Courel.


Este vídeo inicialmente foi concebido para as Asembleas de Catequistas das Dióceses de Galicia do ano 1994, que xiraron arredor do lema: "A catequese, camiño para seguir a Xesús". O vídeo propiamente dito vai acompañado dun libriño que recolle outros materiais, como textos evanxélicos, oracións en forma de aclamación e un canto, con música de Antonio León, con estrofas pensadas para cada unha das situacións do seguimento de Xesús en que se estructura o vídeo.


Ó longo do vídeo van falando en primeira persoa algúns personaxes do Novo Testamento e un dos nosos días, que, cunha linguaxe actual e sinxela na medida do posible, tratan de transmitir os principais contidos dos evanxeos, base da nosa fe en Xesucristo e no Deus que El nos veu revelar. A alocución de cada un dos personaxes vai acompañada de imaxes, especialmente de obras de grandes pintores, que ilustran a súa palabra, enriquecen o vídeo, e poden facelo máis ameno.


Queremos amosárlles o xeito tradicional de vestirse, cantar e bailar da provincia de Lugo que conta cunhas características diferenciais ben marcadas, xa non só co resto de Galicia senón entre as mesmas comarcas que a conforman. O traballo que neste libro se describe, e que no adxunto vídeo se pode contemplar, comenzou vai para dez anos e aínda está inconcluso, dado que as persoas que o vimos facendo non podemos adicar todo o tempo que quixeramos a estes labores nos que traballamos no noso tempo de vagar, o que non lle resta rigurosidade.


Procurar aproximarse ós símbolos dun pobo é empezar a entender o que un pobo significa. Entre estes símbolos, ocupan un posto relevante en todos os países a cultura e a lingua, máxima expresión espiritual e material da comunidade que as crea. Pero hai outros signos máis convencionais que singularizan as nacións: tal é o caso dos escudos e, sobre todo, das bandeiras e dos himnos.


O profesor Xesús Alonso Montero usa o termo " alófonos" cando escribe sobre estes autores, e atopa numerosos casos de alofonía ó longo da historia. Polo que a Galicia se refire, e deixando a parte o especialísimo caso da lírica medieval en idioma galego-portugués, menciona os nomes de Leite de Vasconcelos, Rodríguez Marín, Gumersindo Laverde, Gonzalo Cantó e Joao Verde como autores doutros tantos exercicios literarios. E, naturalmente, os cinco patriotas do galego que lembramos neste traballo: Carles Riba, Juán Pérez Creus, Anne Marie Morris, Gerald Denley e Federico García Lorca.


Analizar polo miúdo as diferentes paisaxes da costa en Galicia non é unha tarefa doada. Ó longo dos 1200 quilómetros existe unha ampla e variada gama delas. O guión estructurouse en tres grandes bloques: un introductorio, no que se presentan os conceptos de costa e litoral; un segundo, o máis extenso, no que se analizan os diferentes factores que interveñen na xénese das paisaxes e un terceiro, no que se ofrece unha visión xeral das paisaxes costeiras en Galicia.

